quinta-feira, 8 de maio de 2008

As novas ameazas de REGANOSA

Voadura da canle de entrada:

A Autoridade Portuaria de Ferrol-S-.Cibrao volta a insistir no dragado da canle de entrada, di que é para favorecer a entrada de grandes barcos, cando o Porto Exterior xa está en condicións de recibilos. A razón da súa construcción non era outra que liberar o interior da Ría dos tráficos nocivos e perigosos. De novo unha intervención con diñeiro público para intentar salvar beneficios privados. Unha vez mais quen dirixe a Autoridade Portuaria, amosa a súa supeditación os intereses de Reganosa, pretende levar a cabo unha nova barbaridade xa que os gaseiros seguirían sen poder cumprimentar a norma 1532. Pola contra o dinamitado e dragado terían un efecto pernicioso nos bancos marisqueiros e no patrimonio: os Castelos. Os fondos da Ria pertencen á Rede Natura, o que convirte en ilegal calquera actuación de modificalos. Realmente os promotores do dinamitado non teñen outra finalidade que seguir facendo uso do interior da Ría como si non existise o Porto Exterior, un paso máis na dirección sinalada no libro de Enrique Pernas e prologado polo antigo Conselleiro de Pesca do Goberno Fraga, o Sr. Landin, que falaba da necesidade de sacrificar unha das Rias Galegas, apuntando que a mellor opción era sacrificar á contaminación e morte do seu ecosistema, á Ría de Ferrol. A Conselleria de Pesca acaba de dar instrucións ás cofradias para que non sementen marisco na zona perto dos castelos, onde se viña extraindo boas cantidades até o momento. Ademais desta nova ameaza para o ecosistema da Ría, 400 postos de traballo están ameazados frente aos 43 criados por REGANOSA.

Ampliación da capacidade de regasificación:

Dende hai tempo os promotores de Reganosa e os seus apoios, entre eles a Consellería de Industria, veñen reclamando ao Goberno Central, a través de campañas mediáticas, a concesión dunha maior capacidade de emisión de gas natural. Dicir que segundo a licencia de construcción a capacidade de emisión nominal de gas natural é de 322.500 m3 por hora. O Consello de Ministros do 31 de Marzo de 2006 aprobou a revisión 2005-2011 do Plan Enerxético, incluíndo unha nova cifra 412.800 m3, a inclusión no plan enerxético só ten valor indicativo. A autorización ten que ser solicitada e tramitada segundo o procedemento do articulo 67 da lei 34/1988 de hidrocarburos para cuxa aplicación existe un Real Decreto 1434/2002 de 27 de decembro. A partir de decembro do 2006 voltaron a esixir unha nova cantidade, 825.600 m3/h. Recentemente publicouse no BOE num. 67 do 18 de marzo de 2008 un anuncio onde Reganosa invita a licitar a adxudicación da obra civil de dous novos ORV´s (vaporizadores) de 160 tm/hr. cada un. Data de inicio previsible das obras 3º trimestre do 2008, prazo de execución 50 meses. Serían evidentes os efectos perniciosos desta posible ampliación, duplicación da cantidade de auga da Ría esterilizada (600.000 m3) e verquida á mesma a menor temperatura e maior afluencia de gaseiros cargados dentro da Ría. Ademais non ten sentido esta pretensión porque Reganosa so ven traballando ao 34% da súa capacidade nominal.

Transporte de GNL en camión-cisterna.

O feito de transportar polas estradas galegas camións-cisternas de 25 toneladas de GNL, o que equivale aprox. a 2000 bombonas de gas, é unha irresponsabilidade máis de REGANOSA, que responde máis a unha necesidade propagandística que a unha verdadeira demanda enerxética das vilas e industrias a onde vai destinado.

Nenhum comentário: