quinta-feira, 8 de maio de 2008

A loita popular, administrativa e xudicial

Hai dúas sentencias favorables do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anularon a falsa tramitación ambiental e que están recorridas ante o Supremo, por Reganosa e pola Xunta, coa finalidade de demorar a vía da Xustiza, para que así Reganosa poida continuar a pesar da flagrante ilegalidade, unha delas abandonada polo Concello de Ferrol, nun feito sen precedentes, que podería ser considerado prevaricación.

Xa ninguén dubida que a localización da Planta, no interior da Ría, non é a axeitada. Un feito publicamente recoñecido por Félix Alonso, ex-presidente de Reganosa; Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta de Galiza; Xosé Barcia, alcalde de Mugardos e Vicente Irisarri, alcalde de Ferrol. Este recoñecemento, só foi posible grazas as actuacións diante dos gaseros Galicia Spirit e Mourad Didouche, cando se romperon os “muros de silencio” que en todos estes anos impediron que o caso Reganosa fose coñecido tanto pola poboación de Ferrolterra como pola do resto do mundo. Estes “muros de silencio” saltaron polos aires os días 7, 8 e 9 de maio, cando cidadáns, traballadores e traballadoras do mar, dando un exemplo de carraxe, na defensa da vida, da Ría e da legalidade, impedimos, por catro veces, a entrada ilegal do buque gasero “Galicia Spirit”, e o 29 de maio impedimos o primeiro intento de entrada do “Mourad Didouche”. Foron moitas cadeas de televisión, radios e xornais as que levaron por todo o mundo a noticia, dando a coñecer os detalles da ameaza que supón Reganosa para a vida, para a Ría e para a legalidade democrática.
O Proxecto Reganosa sostense nun cúmulo de irregularidades e ilegalidades que quedan demostradas na firma dun convenio, con cláusulas secretas, entre os promotores de Reganosa e o Sr. Fraga, en xuño de 2000.

Cando se trata de paralizar a ameaza que Reganosa supón para a vida humana e para o medioambiente na Ría de Ferrol, a vía administrativa nunca se pode dar por terminada. Esta decisión de paralización, pode ser tomada pola Administración por si mesma ou obrigada por unha sentencia xudicial.

Nenhum comentário: